O 28 de setembro de 2020 deu comezo a 1ª Fase da Escavación do castro de San Tirso de Portocelo. O obxectivo principal desta intervención, promovida polo Concello de Xove, foi a de confirmar as hipóteses sobre a orixe dos restos de San Tirso:

  1. A existencia dun castro costeiro da Idade do Ferro, do que se conserva o recinto, de forma triangular, protexido por dúas murallas e impresionantes fosos defensivos
  2. O aproveitamento posterior deste antigo poboado no periodo altomediaeval como mosteiro: Sabemos, polo testamento deixado por un diácono de Coimbra (Portugal), chamado Rodrigo,  que fundou tres igrexas nas que se crearían tres mosteiros dúplices (mixtos de monxes e monxas) da Mariña Lucense. Estes tres mosteiros identificaríanse con San Xoán de Celeiro, San Estevo de Sumoas e San Tirso de Portocelo.

O conxunto arqueolóxico atópase nunha das máis fermosas paisaxes marítimas da comarca e está conectado con varias rutas de sendeirismo de alto atractivo turístico, preto do faro de Roncadoiro (ou Roncadoira).

Na primeira cata da prospección atopáronse cinco tumbas altomedievais (á espera da datación do carbono-14). Acháronse tamén aquí restos máis antigos, que pertencerían ao poboado do castro: dúas fusaiolas, co cal xa podemos falar de certa fabricación textil, e o que foi a “xoia” da escavación: unha conta de colar de pasta vitria oculada, de época prerromana e que podería proceder do comercio marítimo co Mediterráneo.

Na segunda cata apareceron nun estado de conservación excelente dúas vivendas do castro, ademais dun muíño de man e restos de cerámica dunha extraordinaria calidade.