San Antonio da Rigueira Celebración da Festa

A recuperación da festa por parte do Concello de Xove, conta coa habilitación de 8 rutas para chegar á igrexa da Rigueira dende os diferentes puntos cardinais do municipio. 

O día 13 de xuño, cada romeira e romeiro é identificado cun carné de romaxe, onde figura o seu nome, e a ruta que vai levar a cabo a pé, en bicicleta ou a cabalo. Esta insignia debe ser selada ao longo do camiño, ata chegar á igrexa onde recibirá A Ventura: simbólicamente o favor do santo, ademais dun documento que acredita a realización dalgunha das oito rutas á igrexa do San Antonio da Rigueira.

A Rigueira

13 de Xuño

Ruta de Sendeirismo

Entorno Natural

A Historia

É a romaría máis importante do municipio celebrada o 13 de xuño na parroquia da Rigueira.

Foi unha das romarías de máis sona de toda a Mariña Lucense, pero a partir da década dos setenta a perda de auxe foi continuada ata a súa practica desaparición actual.

No ano 2009 comezouse unha recuperación da romaría por parte do departamento de Investigación Social do Concello de Xove, que foi apoiada no 2011 pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural cunha liña de axuda de máis de 30.000€ do plan de iniciativas comunitarias LEADER.  

Á festa do San Antonio desprázanse andando centos de persoas dende todas as parroquias de Xove e doutros municipios. Xa Juan Donapetry, cronista oficial de Viveiro e membro da Real Academia Galega, describía o san Antonio da Rigueira en 1953 desta maneira:

“En su iglesia parroquial se venera la imagen de San Antonio Venturoso, que tiene muchos devotos en la comarca y pueblos cercanos; en su honor se celebra una de las romerías más típicas del país y sus romeros son conocidos con el nombre de Os Ventureiros”.

 Este autor fai o apuntamento de que o poeta vivariense Alfredo García Dóriga (1849-1911) xa dedicara a esta romaría un cadro de costumes titulado Os Ventureiros. Estas referencias bibliográficas fan que nos percatemos non só da antigüidade da romaría senón da súa transcendencia fóra de Xove. 

Ademais de divertírense, a xente acudía ao santuario do San Antonio por motivos relixiosos: pídeselle a este Santo que protexa aos animais domésticos que nos acompañan na nosa vida diaria, por necesidade ou por afecto; pídeselle tamén que os máis ricos e afortunados axuden e se conmovan dos máis necesitados; San Antonio tamén intercede para conseguir parella a aqueles que navegan sós polo mar da vida e lles gustaría realizar a súa singradura acompañados. Como vemos, este Santo é moi avogoso e dise que si se acode a el e se lle reza un Padrenuestro, concede favores inmensos. Recibe quizais por este motivo o sobrenome de San Antoniño Ventureiro. 

O San Antonio da Rigueira é o San Antonio de Padua.
A historia do santo conta que morre o 13 de xuño de 1231 despois dunha longa enfermidade. Chamábase Fernando pero toma o nome de Antonio debido á súa admiración por San Antonio Abad, patrón dos animais. Era amado e invocado polo pobo humilde que vía nel un defensor dos máis pobres e necesitados. Accións coma a de loitar contra os máis ricos para que non cobraran intereses polos cartos que prestaban facíano gozar de unha gran popularidade entre a xente  máis necesitada. Tiña o poder de que os máis ricos se conmoveran e axudaran ós máis pobres. Tamén conseguía bos matrimonios.

San Antonio goza de gran popularidade na nosa comunidade. Era un santo moi avogoso e dicíase que si se lle rezaba un Padrenuestro concedía favores inmensos, quizais sexa esta a razón pola que recibe o sobrenome de San Antonio Ventureiro.

O San Antonio da Rigueira o 13 de xuño era, sen dúbida, a gran festa do municipio de Xove. A xente que viña de preto chegaba andando en grupos de veciños que xa aproveitaban o camiño para comezar a farra. Moreas de autocares chegaban dende todas as aldeas a primeiras horas da mañanciña.

A festa duraba todo o día, por iso era necesaria a boa comida como soporte do corpo e o bo viño para sustentar o espírito. Baixo estes dous principios fundamentais de toda festa, a xente cargaba con paxes e garrafas nos que levaban empanadas, tortillas, carne, viño, etc. Na festa do San Antonio cumpríase toda a estructura da festa patronal que vimos anteriormente pero ademais, dábase a particularidade de que as centos de persoas que viñan á misa aproveitaban os campos que había arredor da igrexa para comeren. Cada grupo de veciños estendía no prado unha saba vella, un mantel descolorido ou mesmo enriba da herba, para comeren sentados formando unha acampada multicolor que xuntaba á xente de todas as parroquias e incluso de outros concellos.

A festa era de forte transcendencia en toda a rexión, e non só polo número de persoas que congregaba o santo senón que moitos comerciantes aproveitaban a ocasión para ofrecer os seus servicios ós romeiros. Así, xuntábanse vendedores de comida, e bebida en numerosos botiquíns, e tamén viña o fotógrafo para inmortalizar a aqueles que quixeran un recordo da merendada. 

As primeiras testemuñas gráficas do San Antonio da Rigueira datan dos anos 20 do século pasado e forman parte dos recordos familiares que deixaban os fotógrafos da época. 

A recuperación da festa por parte do Concello de Xove, conta coa habilitación de 8 rutas para chegar á igrexa da Rigueira dende os diferentes puntos cardinais do municipio.