Petróglifo de Monte

Atópase na aldea de Penasagudas, no lugar coñecido como Casa do Cura, a carón da igrexa parroquial de Santo Isidoro. É un gravado tallado en pedra realizado entre o III e II milenio a.C. Esta arte rupestre ao aire libre sitúase no megalitismo e no inicio da metalurxia, polo que é anterior á cultura castrexa. Está formado por 18 cazoletas de distinto tamaño e profundidade, e catro líneas serpeantes. Segundo o arqueólogo Antonio de la Peña: trátase dunha linguaxe simbólica que posiblemente se “falou” nesta terra durante máis de mil anos, do que por desgraza descoñecemos o libro de códigos.

Dende o centro de Xove tomamos a estrada LU P-2604 en dirección a Monte, a uns doce quilómetros do centro municipal, á beira dereita da estrada xunto á igrexa parroquial, está o petróglifo. 

Estes gravados son moi numerosos no sur de Galicia, nas Rías Baixas, sendo moi recente a súa aparición na Mariña Lucense. Ademais do petróglifo de Xove podemos atopar outros en Cervo, Burela e Ribadeo.

Entre o III e II Milenio a.C.

Arte Rupestre. Cultura Castrexa

Círculo de Lavandeiras

A estrutura circular de Lavandeiras data do 2000 a.C., pertence pois á Idade de Bronce. Ten aproximadamente 80 metros de diámetro (máis grande cós 50 metros de A Roda de Barreiros), o que fan deste Henge o maior da península ibérica, xa que de momento descoñécese outra estrutura deste tipo en España; moi abundantes pola contra nas illas británicas.

Dentro do Henge atopáronse cinco foxas, onde se realizaban enterramentos, e onde tamén se atoparon un círculo de pizarra e varias cerámicas debuxadas, que serían parte de “axuares” funerarios. Ademais de enterramentos, pénsase que o lugar tamén tiña un importante papel social, comunitario, de reunión veciñal e de toma de decisións. Aproximadamente no centro da estrutura aparece un crómlech (monumento formado por menhires que cerran en forma circular ou elíptica) do que aínda se descoñece a altura.

2.000 a.C.

Idade de Bronce

Mámoa de Guilán

 Este sepulcro prehistórico localizado no lugar de Guilán, na parroquia de Xuances, pertence á época megalítica, que se estende en Galicia dende o V ao III milenio a.C. Ten un diámetro de aproximadamente 30 metros e unha altura de 2,5 metros. Estas monumentais dimensións fan desta mámoa a maior e máis importante atopada na Mariña Lucense. O sepulcro amosa un excelente estado de conservación e garda o dolmen con seis pilares e laxe de grandes dimensións. O conxunto presenta un cono de violación, ou burato que deixa a cámara funeraria ao descuberto e a través do cal puido ser expoliada antigamente. O xacemento arqueolóxico foi localizado no ano 2017 pola Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio, grazas á revisión de fotografía aérea.  

Milenio V ao III a. C.

Época Megalítica

Percorrido entre o Círculo de Lavandeiras e a Mámoa de Guilán:

Powered by Wikiloc

Castro de San Tirso

Xove é un dos municipios con máis castros, un total de nove, rexistrados no Catálogo de Patrimonio da Xunta de Galicia. O castro de San Tirso atópase rexistrado co nome de Castro de Portocelo ou de Punta Mechiluíde, polo nome do cabo no que está situado. Atópase nun lugar agreste e fermoso na entrada á enseada de Portocelo, e hoxe en día só se aprecian as paredes da capela de San Tirso, do cemiterio e das murallas defensivas. 

Neste punto houbo un castro prerromano habitado arredor do ano 1200 a.C., do que se conserva o enorme foxo defensivo e parte de dúas murallas. 

Segundo o testamento do diácono Rodrigo de Coímbra, este castro foi cristianizado no século VIII d. C. coa fundación aquí dun mosteiro dúplice dedicado a San Tirso. O monaquismo desenvolveuse nos primeiros séculos do cristianismo coa fin de extender o seu culto e asegurar os terreos reconquistados aos musulmáns polos reis asturianos. No século XII, ano 1156, mantiña a súa condición monacal, segundo a documentación conservada no Arquivo da Catedral de Mondoñedo.

Hoxe en día só quedan as ruínas da capela de San Tirso, levantada sobre os restos do mosteiro no século XVII, que había funcionar como igrexa parroquial ata os anos vinte do século pasado, cando se constrúe a actual igrexa de San Tirso na aldea de Vilachá. 

No xacemento son perceptibles a simple vista un dos foxos e algunhas partes de dúas murallas no lado sudoeste. O recinto do castro mide arredor dunha hectárea e media e está bastante ben delimitado; polo norte está o mar e polo sur atópanse as murallas sobre as que pasa a estrada. 

A propiedade das terras onde se atopa o castro pertence á Igrexa e ao Concello de Xove, que mercou o terreo das murallas e do foxo no ano 2018 para proxectar as primeiras prospeccións arqueolóxicas no ano 2019 e 2020.

1.200 a.C.

Prerromano

43º43’45″N 07º30’58″O

Fonte: VISOR MINISTERIO DE TRANSPORTE. FOTOTECA DIXITAL.
https://fototeca.cnig.es/

Castro do Coto da Vela

Asentamento castrexo de costa, situado a 158 metros sobre o nivel do mar, sobre un alto promontorio que domina visualmente un amplo territorio. Os topónimos da zona indican a presenza do propio asentamento: a enseada de Sucastro, ou o mesmo nome de Coto da Vela, que pode referirse a un posto de vixía. A forte pendente en forma de cantil rochoso, que hai polo lado norte funciona como un resgardo natural. No resto dos sectores sucédense sistemas defensivos artificiais.

O xacemento está formado por un recinto superior e tres terrazas sucesivas que, en forma de arco se van abrindo en dirección sureste. As fotos do voo americano do ano 1956, consultado no Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), descobren os restos dun poboado en moi bo estado de conservación, o que fai pensar na importancia deste asentamento para futuros estudos arqueolóxicos. Hoxe en día atópase dividido en distintas parcelas de propiedade privada dedicadas á explotación forestal do eucalipto.

Prerromano

43º43’14″N 07º30’04″O

Fonte: VISOR MINISTERIO DE TRANSPORTE. FOTOTECA DIXITAL.
https://fototeca.cnig.es/

Fíbula de Bronce do Castro de Vilar (Xuances)

Fíbula é unha palabra que provén do latín fibula (da que deriva a palabra galega fibela)​ e daba nome a todo tipo de pezas metálicas empregadas na antigüidade para unir ou suxeitar algunha das prendas que compoñían o vestido. As máis comúns teñen unha forma parecida aos modernos imperdibles

A fíbula atopada no castro de Vilar en Xuances no ano 1939 é de tipo anular romana (en forma de omega), fáltalle a agulla, e está datada entre os séculos I e IV d.C. Esta peza atópase depositada no Museo Provincial de Lugo.

Século I e IV a.C.

Romana