Pozo da Ferida
Fervenza situada entre os municipios de Viveiro e Xove, no leito no río Loureiro. O salto de auga conta cunha altura de 30 metros e cae de forma vertical formando unha poza natural rodeada de vexetación autóctona.
Para chegar: partimos do centro de Xove (Av. da Diputación) pola estrada LU P-2604 que conduce a Monte. A uns 12 quilómetros, ao chegar ao lugar de Loureiro, tomaremos dirección esquerda onde aparece o sinal á fervenza. Continuamos por unha pista asfaltada, pasamos por unha pequena ponte e, nun camiño xa sen asfaltar, xunto a un lugar de casas abandonadas, deixamos o coche. Alí hai un sendeiro a man dereita que nos indica o camiño; unha vez percorridos uns 200 metros escoitamos o son dunha pequena fervenza e entón o camiño comeza un brusco descenso. A medida que baixamos o son da auga acompáñanos, ademais da imaxe do canón formado entre as montañas. Ao cabo de 400 metros chegamos ao Pozo da Ferida: as ruínas dun vella e rudimentaria central hidroeléctrica, a fervenza, o pequeno lago, os rápidos, río abaixo, e a vexetación exultante, son os compoñentes do espectáculo paisaxístico que se presenta ante os nosos ollos.
43º37’00.7″N 7º31’53.2″O
Altura de 30 metros
Acceso a pé
Fervenza de Guilán
Se continuamos dende Xove por la estrada LU-862, dirección Viveiro, á altura do quilómetro 94, antes do Polígono Industrial de Camba, entrar pola primeira desviación á man esquerda, seguir o camiño de terra arredor de 1 quilómetro., cando o camiño comeza a subir, tomar o camiño de pedras a man dereita e a fervenza xa quedará á vista a uns 100 m.
É unha gran salto de auga de máis de 70 metros de alto repartidos en tres caídas diferentes que forman grandes pozos en cada unha delas.