Primeiros asentamentos
4.000 A.C.
Petróglifo de Monte
3.000 – 2.000 a.C.
Círculo lítico de Lavandeiras
2.000 a.C
Fíbula de bronce tipo anular romana
Séculos I e IV d.C.
Primeiros escritos sobre Xove
Século VIII, durante o reinado do Alfonso I 28 de abril de 787
Sede episcopal
Ano 1.111
Concello de Portocelo
Integra na provincia de Lugo coa denominación de Portocelo en 1822
Concello de Xove
Ano 1.940
O topónimo de Xove provén do nome de orixe latino Iovius, a partir da forma do xenitivo Iovii, Xúpiter, o principal deus da mitoloxía romana. Razón pola cal se cre, tal e como Juan Donapetry constata na súa obra Historia de Vivero y su Concejo, que os romanos erixiron trala conquista un templo de relevancia suficiente nestas terras como para chegar ata os nosos días e dar nome ao municipio.
As evidencias de que Xove se atopa habitado dende fai máis de 4.000 años son os numerosos monumentos prehistóricos que se rexistran no seu territorio. Destacan o círculo lítico de Lavandeiras, localizado durante as obras da estrada de altas prestacións, e que os arqueólogos dataron aproximadamente no 2000 a.C. Este henge mide uns 80 metros de diámetro, converténdoo no máis grande da Península Ibérica descuberto ata o momento. O seu descubrimento gaña importancia porque demostra a conexión da nosa historia coa das Illas Británicas, onde a aparición deste tipo de monumentos é algo común.
As mámoas, túmulos funerarios con planta cricular ou ovalada cun dolmen no seu interior, son outro tipo de construccións prehistóricas abundantes e importantes no terreo de Xove. Destaca a mámoa de Guilán, localizada na parroquia de Xuances no ano 2017, conta co dolmen completo e trinta metros de diámetro, o que fan dela a maior de toda a comarca da Mariña.
Aqueles primeiros habitantes de Xove tamén deixaron as súas pegadas milenarias nas pedras en forma de manifestacións gráficas esculpidas no petróglifo de Monte, que os arqueólogos dataron aproximadamente entre o 3000 e 2000 antes de Cristo.
Do mesmo xeito, a principios da nosa era os habitantes de Xove transmitiron a súa arquitectura nas pedras dos nove castros localizados nas parroquias de Sumoas, Xuances, Morás e Portocelo. Nesta última parroquia, no castro de Punta Mechiluíde, o Concello de Xove realizou unha prospección arqueolóxica no ano 2020.
É destacable o achado en 1939 no castro de Vilar en Xuances, dunha fíbula de bronce tipo anular romana, datada entre os séculos I e IV d.C. Esta peza metálica empregábase para suxeitar prendas de vestir como as togas, e gárdase no Museo Provincial de Lugo.
Os primeiros escritos sobre Xove son do século VIII, durante o reinado do Alfonso I, cando o Diácono Rodrigo de Coimbra deixa feito un testamento datado o 28 de abril de 787 e onde lega dous mosteiros dúplices fundados por el: un en Santo Estevo de Sumoas, e outro en San Tirso de Portocelo. Este modelo monástico, que combinaba mosteiros de monxes e monxas baixo a mesma autoridade era moi común ao inicio do cristianismo e servían para fixar os territorios trala reconquista e expulsións dos árabes comezada polos reis asturianos.
O territorio de Xove, formado polas xurisdicións de Portocelo, Galdo e Viveiro, pertencían na Idade Media á demarcación eclesiástica de Mondoñedo, que era sede episcopal dende o a no 1111. Xove aparece como Concello na primeira metade do século XIX cando en 1822 se integra na provincia de Lugo coa denominación de Portocelo, abarcando as parroquias de Lago, Morás, Portocelo, A Rigueira, Sumoas e Xove, este último pasará a dar nome ao municipio a partires de 1940.