Parroquia de Santo Isidoro de Monte

98 habitantes

Pau da Vella

Pozo da ferida

Feira San Bartolo

Festa Santo Isidoro do Monte

É a parroquia situada máis ao sur do termo municipal de Xove, e onde tamén se localiza o punto de maior altitude no monte Pau da Vella a 705 metros sobre o nivel do mar. A parroquia conta cunha poboación de 101 habitantes, sendo a máis despoboada do municipio de Xove. As aldeas que a compoñen son: As Cancelas, Gondar, As Hedradas, O Loureiro, As Penas Agudas, Vilariño.

Nesta parroquia está o único petróglifo localizado no municipio. Tamén contan coa ruta circular Pau da Vella e a importante feira cabalar de San Bartolo o 24 de agosto.

Outro recurso importante é a fervenza do Pozo da Ferida no río Loureiro, entre os termos municipais de Xove e Viveiro. O salto de auga vertical, de trinta metros de altura, cae formando unha poza natural rodeada de vexetación autóctona. Río abaixo a auga escorre a través de rápidos de enorme beleza natural. A fervenza atópase sinalizada dende o centro de Xove.

A primeira fin de semana de abril, a Asociación Cruz de Loureiro celebra a festa parroquial de santo Isidoro de Monte cunha verbena.

Parroquia de San Miguel da Rigueira

708 habitantes

Ruta dos Muíños

Ruta das Fadas

Fervenza do Torrillón

Cruceiro de Veiga

Capela San Vicente

Mirador monte Medela

Romaría Santo Antón

Parroquia cunha destacable paisaxe de val, regada polo río Rigueira, que é o máis longo e caudaloso de todo o municipio. Está formada polas aldeas: A Abelá, O Canaledo, Cornide, Os Cortello, Ferrol, Labradela, Lamas, O Pazo, A Ponte do Carro, Pradovello, Regosangüento, San Vicente, Soutorredondo, O Torrillón, Veiga, Ventoselle, Vila, Vilela, e Palmeiro. Esta última é a máis poboada da parroquia con 340 habitantes, debido ás vivendas que aquí se construiron a finais da década dos setenta para acoller a man de obra que demandaba a empresa do aluminio que acababa de asentarse en Lago e San Cibrao.

Na parroquia da Rigueira destacan a Ruta dos Muíños, a Ruta das Fadas, Fervenza do Torrillón, O Cruceiro de Veiga (no lugar existiu unha antiga capela do santo Cristo), A fermosa capela de san Vicente, Mirador do monte Medela e a romaría do santo Antón o 13 de xuño, á que acoden centos de persoas de toda Galicia e doutras comunidades autónomas. Na parroquia ademais celébranse outras dúas importantes festividades: o san Miguel o 29 de setembro, e o san Vicente o 22 de xaneiro.

Parroquia de San Bartolo de Xove

1.503 habitantes

Capital Administrativa

Círculo lítico Lavandeiras

Casa Tomás Mariño

Cruceiro dos Carballás

San Bartolo

É a capital administrativa do concello de Xove, e onde se atopan a maioría dos servizos e establecementos comerciais: Casa consistorial, polideportivo, parques infantís, campo de fútbol, gardería, centros de educación primaria e secundaria, piscina municipal, pista de Padel, centro de ancianos, farmacia, centro médico e ximnasio. Existe unha parada de taxis e catro paradas de autobús, e un apeadeiro de tren da línea de Feve de Ferrol-Gijón.

A paisaxe de Xove segue a línea do val do río Rigueira e está formada polas seguintes aldeas: Os Carballás, Parceiros e Xove, sendo esta última a máis poboada de todo o municipio con 1451 habitantes.

En Xove atópanse os seguintes recursos: Círculo lítico de Lavandeiras, casa de Tomás Mariño, casa dos Villalba, cruceiro dos Carballás, antiga escola rural, paseo urbano para camiñar.

A festa patronal é o 24 de agosto, día de san Bartolo, e adoita celebrarse a última fin de semana de agosto cunha grande sardiñada o venres, e unha afamada verbena.

Parroquia de Santo Estevo de Sumoas

153 habitantes

Igrexa Santo Estevo Sumoas

Santo Antón

Sumoas é a última parroquia con paisaxe de val ata alcanzar a costa de Xove. Está formada polas aldeas de: Albarán, A Cabandela, O Cabo, Os Caínzos, Fontaíña, As Fontes, O Lagar, A Lagüela, Lodeiro, As Poceiras, A Torre e Xanarde. Na parroquia de Sumoas residen 154 veciñas e veciños. Os recursos máis importantes de Sumoas son: As súas numerosas fontes e a súa igrexa, ubicada sobre un castro prerromano. Neste punto, e segundo o testamento do diácono Rodrigo de Coimbra, fundouse un mosteiro dúplice habitado por monxes e monxas, que funcionaría a partires do século VIII d.C, xunto a outros dous fundados en San Juan Bautista de Celeiro e San Tirso de Portocelo.

Sabemos ademais, polo traballo do cronista oficial de Viveiro, Juan Donapetry, que do monte Granda extraeuse mena de ferro para as fábricas de Sargadelos.

O patrón de Sumoas é o santo Estevo, o 26 de decembro, pero a parroquia celebra o santo Antón durante a primeira quincena de agosto cunha verbena e unha grande churrascada.

Parroquia de Santa Eulalia de Lago

179 habitantes

Praia de Lago

Observatorio de aves

Lago é a primeira parroquia do litoral leste de Xove e está formada polas aldeas de O alto de Lago, Ancil, A áspera, A barxa, Beltrán, Casaslongas, Torre e Vilar. No lugar da Barxa xúntanse os ríos Rigueira e Guilán para trascorrer xuntos os últimos metros antes de desembocar na praia de Lago.

Aínda que a patrona da parroquia é santa Eulalia, o 10 de decembro, a festa celébrase na honra ao santo Antón durante a primeira quincena de xullo, cunha grande churrascada seguida de verbena.

A zona comprendida entre o Portiño de Morás e a praia de Lago, prestando especial atención á lagoa da praia de Lago, atópanse dentro da ruta de observación de aves da Mariña Lucense, un dos roteiros á beira do mar de turismo ornitolóxico sinalado no Galicia Birding:  programa sobre as viaxes de observación de aves desenvolvido pola Axencia de Turismo de Galicia.

Más información acerca da ruta de observación de aves na seguinte ligazón: https://www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia/onde-ver-aves-en-galicia/na-beira-do-mar/a-marina-de-lugo?langId=gl_ES

O tramo de costa do Portiño de Morás ata a praia de Lago é moi interesante. En inverno podemos observar numerosas especies de gaivotas, corvos mariños grandes, mobellas grandes e mergullóns de pescozo negro. Habemos estar atentos tamén á contorna da piscifactoría e á desembocadura do regato de Lago, onde existe un pequeno observatorio ornitolóxico. 

Nesta zona afundiu no ano 1544 a nave Honor, o pecio documentado máis antigo de Galicia, que posiciona Xove nun lugar destacado no mapa de naufraxios da costa española. Segundo os estudos arqueolóxicos, o pecio realizaba unha ruta comercial entre un porto de Flandes e, probablemente, o porto da Coruña cando se viu sorprendido por un temporal. Do xacemento submarino extraéronse pezas de importante valor arqueolóxico conservadas no Museo do Mar de Vigo: varias pezas de artillería (un servidor de bombarda eun verso de ferro completo), oito pratos de peltre de orixe inglesa, un hastil de bésta de caza decorado con flores de lis en bronce, unha xerra de peltre con tapa de tipoloxía centroeuropea e sen selo.  

A parroquia tamén destaca por contar no seu territorio cunha das maiores industrias da provincia: a multinacional do aluminio Alcoa. Hoxe en día, ademais das instalacións da siderúrxica, a parroquia alberga as instalacións da piscifactoría de Pescanova. 

Parroquia de San Clemente de Morás

120 habitantes

Cabo Morás

Illa de Sarón

A parroquia está formada polas aldeas de Aldea de abaixo, Aldea de arriba, O Barreiro, O Carballo, As Cruces e O Portiño. Esta parroquia é famosa polos seus excepcionais cantís, coñecidos co nome de Cantís de papel polas curiosas formas que a erosión da choiva e do vento foi debuxando nas rochas de granito, e que lembran ás angulosas figuras de papel da arte do origami. O cabo Morás impresiona coa súa parede de máis de trinta metros de altura en vertical, coroada pola pedra Pucho de frade (coord: 43º 43′ 25.68” N / 7º 28′ 6.28” O). A subida ao alto dos cantís é moi recomendable para os viaxeiros que non sintan vertixe. 

Os cantís ofrecen una fermosa panorámica da illa de Sarón (ou Ansarón), a máis grande de Xove e unha das maiores da costa de Lugo con 10 hectáreas de superficie e máis de 80 metros de altura. Ademais, os altos e recortados cantís da illa son unha das mellores contornas para o criadoiro de percebes de grande calidade.  

Na zona portuaria da praia do Portiño levantouse ata o ano 2015 a última testemuña da industria baleeira da costa cantábrica: o edicificio da factoría baleeira de Morás. Construída no ano 1965, na factoría procesáronse arredor de 1.700 baleas e cachalotes ata o ano 1977, cando deu paso á industria do aluminio que se levantaba moi preto da zona. Hoxe consérvase no lugar a rampla de izado dos cetáceos e un paseo etnográfico con paneis que narran o pasado baleeiro da vila. No mesmo paseo marítimo atópase a zona de fabricación dos dolos: curiosas construcións de formigón que se fabricaron aquí nos anos setenta para a construción do dique de abrigo do porto da empresa siderúrxica. 

O patrón da parroquia é san Clemente, o 23 de novembro. Celébrase a festa na honra á Virxe do Carme e o santo Antón con procesión e verbena na última semana de maio.

Parroquia de San Tirso de Portocelo

259 habitantes

Faro de Roncadoiro

Castro de San Tirso

Praia de Portocelo

Observatorio de aves

Día da Nosa Señora

A parroquia, que foi sede municipal ata a primeira metade do século XIX, está formada polas aldeas de San Cristovo, Vilachá, Portocelo, Villalpol e Canelas. Entre os seus maiores atractivos turísticos destacan o faro de Roncadoiro (ou Roncadoira), o castro de San Tirso (ou punta Mechiluíde) e a praia de Portocelo.  

O faro de Roncadoira (coñecido popularmente por Roncadoiro), está situado na punta do mesmo nome e débelle o topónimo ao son ronco que emite a auga cando é impulsada polas ondas a través dun burato en forma de cheminea situado na base do cantil. 

A punta de Roncadoiro atópase dentro dos roteiros recomendados pola Axencia de Turismo de Galicia para a observación ornitolóxica, xa que é unha parada interesante para anotar aves de monte baixo como o chasco común ou o a azulenta común. Ademais, durante os pasos migratorios podemos observar tamén o pedreiro cincento e o chasco norteño

A festividade patronal é san Tirso o 28 de xaneiro, pero a veciñanza celebra o 8 de setembro o día da Nosa Señora cunha afamada churrascada e unha grande verbena. 

Parroquia de San Pedro de Xuances

306 habitantes

Praia de Esteiro

Enseada de Muiñelo

Mámoa e fervenza de Guilán

Capela San Pedro Fiz

Festa dos Callos

É a última parroquia de Xove polo oeste antes de entrar no concello de Viveiro. Conta coas aldeas de A Aceveda, Cabo de Vila, Illade, Camba, Camposusao, Os Loureiros, Pereiraboa, Castelo, Ceranzos, Pena, Prada, O Cruceiro, Fontao, Pena, Reboredo, Toimil, A Vara, O Bargo

Os principais recursos turísticos son a praia de Esteiro, a enseada de Muiñelo e a mámoa e a fervenza de Guilán. Ademais da igrexa parroquial, está a fermosa capela de san Pedro Fiz na aldea de Ceranzos. 

A fervenza de Guilán atópase no río Guilán. Se continuamos pola estrada LU862 dende Xove e dirección O Cruceiro á altura do kilómetro 94, antes do polígono industrial de Camba, hai que entrar pola primeira desviación a man esquerda, por onde seguiremos ao longo dun kilómetro máis. Cando o camiño comeza a subir hai que tomar unha senda de pedrasa á man dereita e a fervenza xa queda á vista a uns cen metros. 

O patrón da parroquia e san Pedro o 29 de xuño, pero as celebracións con festexos son en honor a san Pedro Fiz na segunda quincena de agosto, festexada cunha grande verbena onde a veciñanza adoita convidar a empanada ou bolos preñados, e a unha grande queimada a medianoite. 

Outra cita gastronómica importante na parroquia de Xuances é a Festa dos Callos, no primeiro fin de semana de outubro, que se encadra dentro do programa da festa do Ramo celebrada pola veciñanza da aldea do Cruceiro.