Persoa de Tomás Mariño
Tomás Mariño Pardo naceu en Xove o 1 de decembro de 1798. Era fillo de Manuel Mariño Illade e Venancia Pardo Fernández. Tomás Mariño era perito agrimensor e mestre de primeiro ensino, cargo que exerceu na escola de Galdo, no concello de Viveiro. Unha vez retirado da actividade docente, cando tiña xa oitenta e un anos, escribiu un estudo que o había facer pasar á historia como o precursor da navegación aérea, e que titulou Proyecto acerca de la navegación aérea. O traballo consta de dezaoito follas de manuscrito orixinal, unha portada e o debuxo do aparello voador.
O proxecto rexistrouse en Viveiro o doce de xullo de 1879, e permaneceu inédito ata que o Heraldo de Vivero o publicou en 1920. Está escrito en forma de diálogo entre dous personaxes: Tomás, o inventor, e Silio, quen a través das súas preguntas forzará o relato do primeiro.
A importancia deste traballo radica no momento da súa publicación: cando o ser humano se lanzaba á conquista do aire como medio para transportarse. Perfeccionara xa os voos en globo aeroestático, mais seguía á mercé das correntes de aire sen controlar a dirección nin a velocidade da súa viaxe. Non sería ata que Ferdinand von Zeppelin patentou o seu dirixible no ano 1895, e fixo os primeiros voos no 1900, cando se comezaría a falar de navegación aérea. Pero o mundo descoñecía que un ancián mestre de Xove xa o ideara e debuxara en 1879, máis de vinte anos antes do inventor alemán.
Proxecto acerca da navegación aérea de Tomás Mariño. Arquivo do Reino de Galicia (Colección de documentos soltos) en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia (http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/es/consulta/registro.do?id=1678667) ou neste enlace (https://turismo.xove.es/descargas/)