Cantís de Papel

Os cantís que percorren a franxa litoral dende o cabo de Morás ata a punta Roncadoira son un dos lugares máis espléndidos e sorprendentes do norte de Galicia. Unha vez pasado O Portiño de Morás, e tomando a dirección ao cabo que leva o mesmo nome, o camiño desemboca nun cemiterio de rochas con restos de dolos e bloques de formigón esparexidos pola zona, onde se fabricaron na década dos setenta para a construción da escolleira do porto da empresa de aluminio.

Ao fondo desta paisaxe futurista a costa precipítase nunha parede vertical de granito de 32 de altura, cortada e esculpida polo vento e a chuvia durante séculos de paciencia, dando lugar a caprichosas formas nas pedras que recordan ás angulosas esculturas da arte do origami. Por este motivo os numerosos visitantes comezaron a coñecer esta zona do litoral co nome de Cantís de papel.

43º43’24.38″N 7º28’21.30″O

Cantís, Litoral e Cemiterio de Rochas

Illa de Sarón

O nome oficial da illa é Ansarón, pero o uso do nome popular Sarón está tan normalizado que o instituto de ensinanza secundaria de Xove denomínase I.E.S. Illa de Sarón. A illa mide 83 metros de altitude e conta cunha superficie de dez hectáreas, o que a converten nunha das máis grandes da Mariña Lucense.

Nos seus altos e recortados cantís críase un dos mellores percebes de Galicia, e na súa contorna vive unha grande comunidade de gaivota Patiamarela. A contorna da illa é unha importante zona migratoria de aves mariñas. 

https://www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia/onde-ver-aves-en-galicia/na-beira-do-mar/a-marina-de-lugo?langId=gl_ES

43º43’50.72″N 7º29’26.40″O

Illa, Litoral e Aves Mariñas

Faro de Roncadoira

Popularmente coñecido como Faro de Roncadoiro, foi construído a principios da década dos oitenta e comezou a alumear no ano 1984, aínda que non funcionaría de forma definitiva ata o 10 de abril de 1986. Elévase 94 metros sobre o nivel de mar, e aínda que está moi próximo á Estaca de Bares e ao faro de San Cibrao, a súa construción fíxose necesaria debido ao alto número de naufraxios acontecidos nesta costa agreste e solitaria, onde os cantís se precipitan ao mar en verticais paredes de rudo granito, con invernos de fortes temporais e espesas néboas que se presentan sen o mínimo aviso aos navegantes.

Para chegar, dende o centro de Xove (avenida da Deputación), desprazámonos á man dereita dirección Sumoas pola estrada LU-P-2601, e a uns seis quilómetros tomamos o ramal a man esquerda dirección Portocelo, correspondente á estrada LU-P-2607, ata a aldea de Vilachá, onde debemos tomar o segundo cruce á man dereita, onde o faro está sinalizado e onde o atoparemos despois dun quilómetro e medio. O seu acceso vai trocando a medida que ascendemos pola estrada, facéndose cada vez máis agreste por causa dos grandes eucaliptos retortos pola forza do vento, das enormes rochas que nos fan sombra e sobre todo, debido ao frío. Lembren ir preparados para o nordés que por estas terras sopra con forza. Ao bordo do cantil sentirán o ruxir do mar ao bater con toda a intensidade contra as rochas. 

O faro está composto dunha sinxela torre branca, ben coidada e estilizada para ofrecer menor resistencia ao vento, cun acceso moi cómodo que nos permite botar unha ollada a un dos atardeceres máis fermosos do país. 

Atópase como un punto clave dentro da ruta da Mariña de Lugo do Galicia Birding, como unha parada interesante para anotar aves de monte baixo como o chasco común ou o a azulenta común, aínda que durante os pasos migratorios podemos observar o pedreiro cincento e o chasco norteño.

43º44’08.9″N 7º31’30.3″O

Faro, Litoral e Aves Mariñas

Mirador A Medela

En Xove identifícase co Monte Medulio, no cal, citando fontes clásicas, tivo lugar a batalla dos últimos guerreiros galaicos no ano 22 a.C. fronte ás lexións romanas, que rematou co suicidio colectivo antes da rendición. Probablemente, os romanos alzaran na ladeira desta montaña un importante altar a Xúpiter para conmemorar a victoria, e que podería explicar a orixe do topónimo e de Xove. 

O Monte Medela atópase entre as parroquias da Rigueira e Lago, elevándose 348 metros sobre o nivel do mar. Dende o cumio divísase todo o val do municipio, os montes do Buio e a Serra do Xistral, alcanzando a vista ata a Estaca de Bares, a veciña península de San Cibrao e o encoro de Riocobo.

Para chegar ao monte accédese dende a estrada N-642, saíndo de Xove en dirección Burela, en Beltrán (Lago), fronte ao campo de fútbol, tomando a man dereita o cruce dirección a Vila, a uns oitocentos metros xiramos á esquerda por unha pista asfaltada de dous kilómetros que nos leva á cima do monte.

43º40’12.82″N 7º28’15.80″O

Montaña, Val e Costa

Mirador Monte Castelo

Este cantil de 133 metros de altitude, co faro de Roncadoiro (ou Roncadoira) aos seus pés, agasállanos unha espléndida panorámica sobre o mar Cantábrico. O seu topónimo indícanos a existencia dunha fortificación medieval, da que non queda ningunha evidencia arqueolóxica. A uns seiscentos metros atópase o faro de Roncadoiro, cunha sinalización á man dereita e un sendeiro polo que ascendemos ao monte. 

O Monte Castelo ábrese ao mar en forma de verticais paredes formadas de granito. Este litoral está formado por vexetación de matorrais de toxo e breixo, e de pastizais que se alternan con zonas de árbores. Este espazo natural está considerado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais de Rede Natura 2000, declarados estes cantís como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA).

Neste mirador atópase unha serie de recursos de interese debidamente sinalados: 

  • BANCO MIRADOR NACENTE: Banco situado na beira oriental do monte por onde nace o sol, e que ofrece unha espectacular panorámica do amencer por detrás dos cantís de Morás e da illa de Sarón.
  • BANCO MIRADOR POÑENTE: Banco situado na ladeira occidental do monte Castelo por onde se pon o sol, e que ofrece unha espectacular panorámica do atardecer. O sol despídese detrás dun horizonte recortado polos illotes Os Netos e a Estaca de Bares, a punta máis septentrional de España e onde se produce a máxica unión entre o mar Cantábrico e o océano Atlántico.
  • PENA SOMBREIREIRA: É unha rocha con forma de sombreiro (de aí o seu nome), situada na ladeira oriental do monte, moi preto da cima, onde hai unha pequena cova na que se abrigaban os rapaces cando antigamente pastoreaban pola zona.
  • O ZOOLÓXICO DE PEDRA: Tanto na cima, como en diferentes puntos do monte Castelo, existen abundantes afloramentos graníticos con cavidades e formas caprichosas debuxadas polo vento e a chuvia durante séculos. Moitas destas esculturas recordan a algúns animais que formarían un curioso zoolóxico de pedras. Na cima do monte Castelo hai un panel informativo no que se sinalan as coordenadas para localizar as figuras máis significativas.

43º43’57.44″N 7º31’27.89″O

Cantil, Faro e Recursos de Interese

Paseo Marítimo e Área Etnográfica de Morás

O paseo marítimo de Morás forma parte do proxecto de recuperación paisaxística da zona da praia do Portiño. Aquí atópase o Paseo Etnográfico da Baleeira de Morás e a Área de Interpretación dos dolos. No primeiro, permaneceron ata o ano 2015 as instalacións da antiga factoría baleeira de Morás, a máis moderna da península ibérica (1965-1977), e testemuña do importante pasado baleeiro e industrial de Xove. Con motivo da recuperación paisaxística do cantil de Morás as instalacións de formigón e fibrocemento foron substituídas por un fermoso paseo etnográfico composto dunha senda peonil sinalizada con paneis ilustrativos da historia da vila.

O paseo Marítimo de Morás continúa por diante da fermosa e tranquila praia de O Portiño, e antes de desembocar na zona portuaria atravesa a curiosa paisaxe do que é a Area de Interpretación de Dolos: situada onde estivo a zona de fabricación destas enormes figuras de formigón en forma de martelo esparexidas pola zona, e que constitúen unha das paisaxes máis singulares da comarca e máis apreciada por fotógrafos e cineastas de todo o mundo. Aquí existe un monumento de dolos ademais dun grande panel ilustrativo que explica a orixe destas figuras fabricadas aquí na década dos 70 para a construción do porto exterior da fábrica de aluminio de San Cibrao.

43º43’7.98″N 7º28’26.7″O

Paseo Marítimo e Etnográfico

Pau da Vella

O Pau da Vella é o punto máis alto do concello de Xove con 704 metros de altura sobre o nivel do mar, situado na Serra do Buio e na parroquia de Santo Isidoro de Monte. A súa paisaxe está formada por grandes superficies de pastos onde o gando pasta en liberdade e o silencio só se rompe polas aspas dos muíños de vento. Para chegar ata aquí hai que tomar a estrada LU P-2604 dende o centro de Xove, que nos leva á parroquia de Monte, e ao chegar á igrexa de Santo Isidoro hai que seguir as indicacións do panel informativo que alí se atopa. A poucos metros do letreiro, a través dunha pista sen asfaltar á man esquerda, continuase tres quilómetros. Un novo cartel sinala o resto do traxecto de dous quilómetros aproximadamente ata a cima. No cumio deste mirador atópase a cruz de granito, probablemente a máis antiga do municipio, dun metro de altura, que funciona como marco divisorio entre os municipios de Cervo, Ferreira de Valadouro, Viveiro e Xove. 

Descoñécese a orixe deste monumento, incluso hai teorías que a consideran un ara dedicada aos deuses nun antigo camiño romano que puido pasar por aquí e que foi adoptada polo cristianismo. No portal Galicia Encantada. Enciclopedia de Fantasía Popular de Galicia, apuntan a que a referencia á “Vella” do topónimo pode facer alusión a unha antiga deusa, tantas veces denominada coma no Arco da Vella, por exemplo.

43º35’9.55″N 7º28’46.07″O

Montaña e Natureza

Pozo da Ferida

Fervenza situada entre os municipios de Viveiro e Xove, no leito no río Loureiro. O salto de auga conta cunha altura de 30 metros e cae de forma vertical formando unha poza natural rodeada de vexetación autóctona.

Para chegar: partimos do centro de Xove (Av. da Diputación) pola estrada LU P-2604 que conduce a Monte. A uns 12 quilómetros, ao chegar ao lugar de Loureiro, tomaremos dirección esquerda onde aparece o sinal á fervenza. Continuamos por unha pista asfaltada, pasamos por unha pequena ponte e, nun camiño xa sen asfaltar, xunto a un lugar de casas abandonadas, deixamos o coche. Alí hai un sendeiro a man dereita que nos indica o camiño; unha vez percorridos uns 200 metros escoitamos o son dunha pequena fervenza e entón o camiño comeza un brusco descenso. A medida que baixamos o son da auga acompáñanos, ademais da imaxe do canón formado entre as montañas. Ao cabo de 400 metros chegamos ao Pozo da Ferida: as ruínas dun vella e rudimentaria central hidroeléctrica, a fervenza, o pequeno lago, os rápidos, río abaixo, e a vexetación exultante, son os compoñentes do espectáculo paisaxístico que se presenta ante os nosos ollos.

43º37’00.7″N 7º31’53.2″O

Altura de 30 metros

Acceso a pé

Fervenza de Guilán

Se continuamos dende Xove por la estrada LU-862, dirección Viveiro, á altura do quilómetro 94, antes do Polígono Industrial de Camba, entrar pola primeira desviación á man esquerda, seguir o camiño de terra arredor de 1 quilómetro., cando o camiño comeza a subir, tomar o camiño de pedras a man dereita e a fervenza xa quedará á vista a uns 100 m.

É unha gran salto de auga de máis de 70 metros de alto repartidos en tres caídas diferentes que forman grandes pozos en cada unha delas.

43º40’50.49″N 7º31’40.98″O

Altura de 70 metros

Acceso a pé

Imaxes por Santos Cordovilla.