Praia de Esteiro
Amplo areal de 400 metros de lonxitude e unha anchura oscilante coas mareas de entre 40 e 120 metros. Está composta por areas moi brancas e finas, e atópase nunha contorna moi pouco urbanizada. Situada preto da enseada de Muiñelo, forman un conxunto tranquilo e apto para aqueles que queren fuxir das aglomeracións doutras praias máis masificadas. Conta con todos os servizos, por iso obten cada ano a distinción de Bandeira Azul.
É considerada polos surfeiros e surfeiras como unha das mellores praias para a práctica deste deporte. Dende o ano 2017 celébrase aquí o campionato Open de Surf de Esteiro, proba que puntua no campionato galego de surf.
Bandeira Azul
Lonxitude: 400 metros
Tipo de Area: fina
Acceso Minusválidos
Parking Público
Baños Públicos
Área de Autocaravanas
Praia de Muiñelo
En realidade esta é unha praia estacional. Isto quere dicir que aparece en temporadas estivais, cando os grandes temporais no mar non arrastran a area deste coído.
Cando a vaga de mar permite a acumulación de area, esta é branca e fina e enche a primeira liña do mar, deixando só descubertos os pelouros máis próximos á costa. A enorme riqueza da paisaxe submarina fai desta contorna un lugar ideal para a pesca e a fotografía acuática.
Lonxitude: 120 metros
Tipo de Area: bolos/roca/fina
Parking Público
Praia de Portocelo
Tranquila e solitaria, de area branca e fina, esta é unha praia de poucas ondas. Ten forma de cuncha, resgardada dentro da enseada do mesmo nome, e está situada nunha contorna portuaria de grande beleza paisaxística. Presenta ademais abundancia de vexetación e fauna mariña.
Con marea chea divídese en dous areais: Portocelo e Canelas. A praia está considerada como un lugar ideal para a práctica pesqueira, tanto dende a costa coma do mar, así coma outros deportes mariños coma o submarinismo. Dispón de área de descanso, aparcadoiro, servizo de limpeza, baños e duchas.
Lonxitude: 250 metros
Tipo de Area: fina
Acceso Minusválidos
Baños Públicos
Parking Público
Praia O Portiño de Morás
Pequena praia de area branca e poucas ondas, de 80 metros de lonxitude e situada na contorna portuaria de Morás. A carón deste areal atopábanse as instalacións da factoría baleeira de Morás, último vestixio do pasado baleeiro da vila recordado hoxe en día por un paseo etnográfico. A pequena praia dispón de servizo de limpeza, baños e duchas.
Atópase rodeada dun paseo marítimo formado pola área da baleeira e a zona de fabricación de dolos: curiosas formas de formigón que se fabricaron aquí para a realización do espigón de abrigo do porto da fábrica de aluminio a finais da década dos setenta do século pasado. A praia do Portiño está considerada un lugar ideal para a práctica da pesca dado o abundante ecosistema mariño.
Lonxitude: 80 metros
Tipo de Area: fina
Baños Públicos
Praia de Lago
Praia de areas finas e brancas, con ondas tranquilas, algo ventosa e cunha forma rectilínea. Mide uns 650 metros de lonxitude e de ancho oscila entre os 25 metros de marea chea e os 80 da alta.
Ao seu arredor conta con zonas de xardín e un conxunto dunar importante. Ten un amplo aparcadoiro, áreas de descanso e dispón dun importante número de servizos.
Lonxitude: 650 metros
Tipo de Area: fina
Baños Públicos
Parking Público
Praia da Cova
Situada na parroquia de Morás, entre os areais de Lago e O Portiño de Morás, é a única praia habilitada para cans no municipio de Xove.
Mide arredor de 70 metros de lonxitude e non conta con servizo de vixilancia.
Lonxitude: 70 metros
Tipo de Area: fina
Praia canina
Normas da praia canina da Cova:
- O horario da praia canina será de 24h.
- Acompañar ao animal en todo momento.
- Recoller inmediatamente as deposicións do animal e depositalas nos contedores habilitados para tal efecto.
- Non molestar a outros usuarios.
- Levar suxeitos con correa e bozo aos cans perigosos conforme á normativa de aplicación.
- Facerse responsables de calquera dano que ocasione o animal.