Ruta dos Muíños
Lonxitude: 7 quilómetros
Traxecto: Ida e Volta
Dificultade: Escasa
Tempo: 1 hora e media
A ruta dos muíños atópase na parroquia de A Rigueira, e é unha ruta fluvial lineal, de ida e volta, que percorre a beira do río Rigueira ao longo de aproximadamente 7 quilómetros (ida e volta). O tempo empregado para realizala é dunha hora e media e o seu grao de dificicultade é escaso dado o suave desnivel do seu percorrido. Pode comezarse no lugar de Regosangüento ata a igrexa parroquial de San Miguel da Rigueira, no lugar da Ponte do Carro, ou pode realizarse á inversa.
O sendeiro mide aproximadamente metro e medio de ancho e está composto de terra pisada. No seu percorrido atopamos nove pontes de pedra e oito de madeira. A ruta denomínase “dos muíños” debido á cantidade significativa destas construcións que imos atopar durante o paseo. Un total de nove muíños hidráulicos de rodicio horizontal (roda motriz horizontal) que, de norte a sur se denominan:
Muíño de Abad.
Muíño do Concheiro.
Muíño de Gervasio.
Muíño de Penacurva.
Muíño de Canaledo.
Muíño de Villarquide.
Muíño de Fabás.
Muíño de Meixide.
Muíño Municipal.
Os muíños presentaban diferentes modalidades de propiedade: habíaos comunais (muíños de parceiros), os cales pertencían a varios veciños que adquirían o seu dereito ao uso participando economicamente na súa construción e mantemento; e habíaos particulares, onde o propietario podía moer para outros a cambio dunha porcentaxe (maquía) da moenda.
O muíño é importante na cultura de Xove, ao igual ca no resto de Galicia, porque foi un centro privilexiado para as relacións sociais do pobo, e transformouse nunha fonte inesgotable de cantigas, refráns e contos. A xente acudía ao muíño cos froitos das súas colleitas e durante a muiñada dedicábanse a conversar (é importante sinalar a transmisión oral da cultura galega), e tamén se aproveitaba para festexar; a festa no muíño coñecíase co nome de muiñada, e a música que se tocaba nestes festexos son as populares muiñeiras.
Paseo Urbano para Camiñar
Lonxitude: 1.166 metros
Traxecto: Ida e Volta
Dificultade: Escasa
Tempo: 23 minutos
O circuíto transcorre ao longo de 1.166 metros que van dende o campo de fútbol de Xove ata a igrexa de Santa Eulalia de Lago. O circuíto ten unha dificultade media cun tipo de percorrido de ida e volta, e con maior grao de dificultade na volta a Xove ao contar cun pequeno desnivel do terreo.
O tempo empregado para completalo a unha intensidade de camiñata baixa é de 23 minutos. Nos dous extremos da ruta existe un grande panel con información detallada acerca do circuíto e do completo deporte que representa a camiñata.
Ruta das Fadas
Lonxitude: 1 quilómetro
Traxecto: Ida e Volta
Dificultade: Escasa
Tempo: 15 minutos
Esta é unha ruta que se atopa no percorrido da Ruta dos Muíños, na parroquia da Rigueira, ao longo dun kilómetro de distancia entre os muíños de Abad e do Concheiro. Nesta zona, agachadas nos ocos dalgunhas árbores, atópanse as portas das casiñas das fadas e dos trasnos.
A brillante idea, que xurdiu dunha iniciativa privada, fomenta a imaxinación dos máis pequenos, ademais de ofrecerlles a posibilidade de aprender que na natureza viven outros seres á parte dos humanos, polo que debemos facer o posible en conservala. É unha forma estupenda de facer deporte paseando pola contorna do río Rigueira e de aprender e educar ás futuras xeracións en valores medioambientais.
Ruta Camiño Natural do Cantábrico
Lonxitude: 12,5 Km.
Traxecto: Liña da Costa
Dificultade: Media
O Camiño Natural da Ruta do Cantábrico, nas provincias galegas de Lugo e A Coruña, percorre a franxa costeira ao longo de máis de 150 kilómetros distribuídos en 7 etapas e 3 ramais. A etapa que percorre a costa de Xove é a Etapa 5 (San Cibrao-Viveiro). Esta quinta etapa do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico é a de maior lonxitude e desnivel da viaxe. Dende aquí o camiño forma parte do límite da ZEC, LIC y ZEPA Costa da Mariña Occidental, entrando e saíndo do mesmo ao longo do seu itinerario.
O número de kilómetros que percorre por Xove son 12,5 e vai dende a praia de Lago ata a praia de Esteiro. O itinerario comeza na praia de Lago (punto kilométrico 6 da Ruta), pasa polo Portiño de Morás, os vertixinosos cantís de Papel de Morás, a illa de Sarón, a praia e o portiño de Portocelo, as ruínas de San Tirso, o Monte Castelo e o faro de Roncadoira (punto kilométrico 16), a aldea de Vilachá e a praia de Esteiro.
Descrición e perfil da Ruta: https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/caminos-naturales/caminos-naturales/sector-noroeste/cantabrico/etapa-v/default.aspx
Ruta Camiño do Mar
Lonxitude Cervo-Faro: 23,8 Km.
Traxecto: Liña da Costa
Dificultade: Media
O Camiño do Mar é unha ruta costeira, bifurcación do Camiño Norte, que transcorre polos concellos costeiros lucenses e coruñeses ata Santiago, entorno á cal existían unha serie de centros de beneficiencia e na que temos rexistrado o paso continuado de peregrinos. Polo tanto estase a falar dunha ruta de peregrinación cun valor e unha riqueza patrimonial, histórica e medioambiental comparable á de calquera outra ruta peregrinatoria.
Resulta obvio que o nome desta ruta de peregrinación débese a que os concellos polos que transcorre están repletos de vilas portuarias coñecidas no mundo marítimo.
Senda Costeira de Xove
Lonxitude: 20 quilómetros
Traxecto: Liña da Costa
Dificultade: Media
Esta Senda Costeira de Xove, ampliada polo Concello de Xove no ano 2020, é una ruta costeira de máis de 18 Km., que comeza na Área Etnográfica de Morás e remata no acceso á praia de Portonovo. A ruta, que transcorre por antigos sendeiros de pescadores de ribeira moi preto do mar, comparte algúns tramos coa Ruta dos Caminos Naturales del Cantábrico. Trátase dun circuíto lineal, podendo ser percorrido en ambos sentidos. Tanto no punto inicial como no final hai paneis informativos que conteñen información sobre os diferentes puntos de interese, ademais de códigos QR para descargar a ruta mediante a aplicación Wikiloc a través dos dispositivos móbiles.
Toda a senda está perfectamente sinalizada; tanto nas partes que comparte cos Caminos naturales del Cantábrico, na que transita pola estrada con asfalto (Portocelo, Ceranzos), coma nos novos sendeiros que foron habilitados polo Concello de Xove.
A variedade paisaxística da ruta é moi destacable, pois atravesa os grandes cantís denominados Cantís de papel, moi preto das illas de Sarón e de Cal, por castros prerromanos (Castro do Coto da Vela, Área arqueolóxica de San Tirso), por miradores de deslumbrante beleza como o Miradoiro de nacente, onde contemplar un dos mellores amenceres do mundo, e o Miradoiro de poñente, ao outro lado, e dende o cal se pode presenciar un solpor dos máis retratados de Galicia. A senda transcorre a carón do faro Roncadoiro, ou Roncadoira, e por praias únicas como O Portiño de Morás, a praia de Portocelo, Muiñelo e Esteiro, e as enseadas de Sucastro, Coído e Muiñelo, que no verán se transforma nunha tranquila praia de augas de cor turquesa.
Ruta Circular Pau da Vella
Lonxitude: 11,25 Km.
Traxecto: Circular
Dificultade: Media
Esta ruta foi proposta pola Asociación de Mulleres Bolboretas de Xove en marzo do 2006. Trátase dun proxecto medoambiental dende o principio, onde se tivo en conta o gusto pola práctica do sendeirismo e do contacto coa natureza.
O Sendeiro Circular Monte Pau da Vella ten o seu inicio diante do Centro Social de Penasagudas (dende o centro de Xove, seguir uns 11 km a estrada LU-P-2604), lugar onde hai un grande panel que describe o sendeiro.
A ruta, cun total de 11,25 kilómetros, transcorre na súa maior parte polos camiños comunais dos pastizais da Comunidade de Propietarios Laxamoura, que agrupa á case totalidade da veciñanza de Santo Isidoro de Monte. O punto central da ruta é o Monte Pau da Vella, lugar onde concorren catro concellos (Xove, Viveiro, Cervo e Ferreira do Valadouro), e que lle dá nome ao sendeiro.
Rutas en Bicicleta Rutas BTT
Goza do Turisco Activo coas 6 rutas BTT.
I Marcha Xoviética
II Marcha Xoviética
III Marcha Xoviética
Río Guilán
Xove – Roncadoiro
Palmeiro – Xove – Penedo do Galo
Os mapas foron cedidos polo Club Ciclista Komando Xovético
Escola Galega de Surf Esteiro Surfing
A Balea Verde en Morás
Roncadoiro E-Bike Experience en Xove
Escríbenos a roncadoiroebikes@gmail.com